Carmela Silva critica que "mulleres que non cren na igualdade" como Ana Pastor e Andrea Levy se somen ás pancartas

Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, criticou que "mulleres que non cren na igualdade" como Ana Pastor e Andrea Levy participen en actos que defenden este "dereito máis importante da humanidade" e lembroulles que esta loita social "non é palabrería".
"Xa está ben de sumarse ás pancartas da loita pola igualdade cando non se fai ningún traballo, todo o contrario", dixo a presidenta da Deputación nunha rolda de prensa celebrada este luns para presentar os actos da institución provincial dentro da campaña "Mulleres en acción #ViolenciaZero". que durante 365 días do ano loita contra as violencias machistas en toda a provincia de Pontevedra.
Carmela Silva referiuse ao acto 'Mujeres del siglo XXI', organizado polo Partido Popular, e que se celebrou o pasado sábado en Pontevedra coa vicesecretaria de Estudos e Programas do PP, Andrea Levy, e a presidenta do Congreso, Ana Pastor, quen reivindicou a igualdade "real" da muller.
Carmela Silva asegurou que se Ana Pastor e Andrea Levy cresen na igualdade "non permitirían que o seu líder, Pablo Casado, dixese que quere volver á lei do aborto de 1985" e agregou que tamén apoiarían a subida do salario mínimo interprofesional que propón o Goberno de Pedro Sánchez porque quen "padecemos" as retribucións máis baixas en España "somos as mulleres" e tamén "terían feito algo en sete anos contra a brecha salarial".
A isto engadiu que "se fosen mulleres que defenden á igualdade" no PP tampouco recorrerían ante o Tribunal Constitucional a lei de igualdade nin a lei de saúde sexual e reprodutiva, e non calarían ante descualificacións machistas nin as xustificarían, apuntou.
"As mulleres que defendemos a igualdade estamos fartas", sentenciou.
QUEIXA CONTRA A TELEVISIÓN DE GALICIA
A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén reprochou a ausencia na rolda de prensa da Televisión de Galicia. "Hoxe falta aquí algún medio público", lamentou.
"Quero mostrar o meu enorme desgusto", dixo Carmela Silva, que remitirá unha carta á dirección deste medio público, "para dicirlle que xa está ben de ocultar a loita pola igualdade que protagoniza esta administración provincial", afirmou.
Carmela Silva asegurou que a Deputación de Pontevedra "somos a gran referencia da loita pola igualdade".
Relacionadas:
-
Carmela Silva sitúa á Deputación de Pontevedra como "a referencia da loita pola Igualdade"
Por Oskar Viéitez |
-
A poeta Iolanda Zúñiga leva a Vilaboa o "Slam poetry"
Por Redacción |
-
O PP ve "fóra de lugar" as críticas de Silva ao compromiso feminista de Pastor e Levy
Por Redacción |
-
A cuarta edición de "Mulleres en acción. #ViolenciaZero" será a máis participativa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Andrea Levy pide combater os "techos de metacrilato" e os "suelos de cemento" que impiden avanzar ás mulleres
Por Alejandro Espiño |