A avenida de Vigo de Ponte Caldelas ve a luz
Por Redacción
A avenida de Vigo de Ponte Caldelas estreou estes días un novo alumeado público coa instalación de 12 novas columnas, nove delas modernas e outras tres restauradas, dando así un paso máis cara a recuperación desta contorna.
A medida non só mellora esta zona de Ponte Caldelas, senón que tamén permite culminar a modernización led do alumeado público do centro urbano, un proceso que supuxo un importante aforro en consumo eléctrico para as arcas municipais, estimado en máis de 50.000 euros anuais. O último paso foi a baixada da potencia contratada nos cadros eléctricos que dan servizo á rede, o que supuxo outro aforro de case 6.000 euros ao ano.
Segundo a información facilitada polo Concello, optouse por colocar columnas de nove metros de altura para garantir unha boa cobertura da iluminación nunha área con abundante vexetación. Na entrada á propiedade do balneario respectáronse os báculos fernandinos existentes, que foron restaurados para retirarlles o óxido e pintalos. Porén a luminaria destes elementos clásicos foi dotada tamén de tecnoloxía led.
O Concello está tamén a preparar unha corta de todas as acacias e outras especies invasoras que colonizan os máis de 7.000 metros cadrados da finca do balneario. A propiedade foi adquirida este ano á Sociedade de Reestruturación dos Activos Bancarios (Sareb) despois dunha longa negociación que puxo fin aos case sete anos de abandono provocados polo fracaso do macroproxecto inmobiliario do anterior goberno local.