A Ponte Caldelas sóbralle potencia no alumeado público
Por Redacción
Tras ter case rematado o cambio da iluminación pública a LED, Ponte Caldelas decidiu reducir á metade a potencia contratada nos cadros que dan servizo á rede de iluminación urbana. Isto é así porque, co menor consumo das novas lámpadas, sóbranlle a metade dos quilovatios.
Con esta medida, o municipio aforrará outros 5.700 euros anuais na factura da luz.
Ponte Caldelas acometeu xa catro fases de eliminación das lámpadas convencionais, con tecnoloxía de vapor de sodio, para apostar por iluminación LED, unha operación que está a piques de culminarse co cambio que se vai acometer en breve na avenida de Vigo.
Cada lámpada convencional ten un consumo duns 250 vatios, mentres os farois LED consumen só 64 vatios. Despois de modernizar varios centos de puntos de luz no centro urbano, o aforro en consumo eléctrico para as arcas municipais aproxímase aos 50.000 euros.
A seguinte etapa no plan de modernización pasou por unha campaña de medición e análise da potencia contratada e a realmente necesaria nos cadros de Pazos, centro urbano, Forzáns, Caritel, Caritel rotonda, pavillón de deportes e tres no polígono da Reigosa.
A pesar de que con cada fase de substitución de lámpadas xa houbo reducións de potencia contratada, o resultado das medicións foi que en todos os cadros, agás no do pavillón, a potencia case dobraba ás necesidades, disparando así os custos por termo fixo.
Do estudo realizado dedúcese que dos 138 quilovatios contratados é posible pasar a uns 76, o que se vai traducir neste novo aforro.
O seguinte paso, a acometer xa durante os próximos anos, vai ser a progresiva substitución das redes dos diferentes núcleos rurais, acometendo en primeiro lugar os de maior consumo.
O cambio na tecnoloxía, xunto coa aposta polo mantemento, traducirase nunha frecuencia cada vez menor de avarías, un aspecto que hai poucos anos era moi preocupante en Ponte Caldelas, ata o punto de que os apagóns eran cousa frecuente en moitas parroquias.