Vilaboa prestará biotrituradoras aos veciños para tratar os restos de podas
Por Redacción
Ata tres modelos diferentes de trituradoras. É a maquinaria que, a partir de agora, prestará o Concello de Vilaboa aos veciños que as soliciten para tratar os restos das podas, evitando así a queima dun material vexetal que se pode reutilizar.
Esta é unha das medidas que pon en marcha o goberno municipal, en colaboración co Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, para avanzar na implantación da compostaxe como alternativa para o tratamento de residuos orgánicos.
Co préstamo destas biotrituradoras, Vilaboa facilita aos veciños que teñen composteiro a obtención de material estruturante, a través da trituración dos seus restos de poda.
Haberá dúas trituradoras de ramas de ata catro centímetros de diámetro, unha eléctrica e outra a gasolina; e unha terceira, tamén a gasolina, para ramas de ata sete centímetros de diámetro.
Os primeiros quince veciños que as solicitaron xa recibiron o curso de formación para poder traballar con esta nova maquinaria.
Para solicitar o seu uso, ademais do curso, haberá que inscribirse no departamento de Medio Ambiente do Concello, estar ao día no recibo de lixo e estar adherido ao plan de compostaxe.
Con este novo servizo e a colaboración veciñal, o Concello de Vilaboa segue avanzando na implantación do Plan Revitaliza de compostaxe, que segundo os cálculos municipais xa supuxo unha redución de máis de 200 toneladas de lixo nos últimos dous anos.
Relacionadas:
-
O Concello de Vilaboa compra tres biotrituradoras para prestarllas aos veciños
Por Redacción |
-
A Deputación asegura que o Plan Revitaliza reduciu a cantidade de lixo enviado a Sogama
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Volven os repartos de composteiros individuais do Revitaliza á veciñanza de Vilaboa
Por Redacción |
-
Novo impulso á compostaxe en Vilaboa para situarse á vangarda europea en xestión de residuos
Por Diego Espiño |