O Concello ordena a ENCE a "suspensión inmediata" das obras na fábrica
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
Ence deberá suspender de maneira "inmediata" todas as obras que está a executar no interior da fábrica de Lourizán. Así llo require o Concello de Pontevedra nun oficio do servizo de disciplina urbanística enviado á compañía pasteira e que foi emitido tras a inspección realizada a estes traballos.
Estas obras, segundo o goberno municipal, foron as causantes do incendio que se rexistrou na fábrica o pasado mércores 5 de decembro.
Os técnicos municipais entenden que as obras que está a realizar Ence, que forman parte do proxecto de integración arquitectónica e paisaxística das súas instalacións, non poden ser consideradas "en ningún caso" como obras públicas e, por tanto, precisa da correspondente licenza urbanística.
Non están amparadas, engaden, polo Plan Sectorial de incidencia supramunicipal, como alega a empresa, xa que ao ser unha entidade privada non está exenta de realizar este trámite urbanístico.
O informe do arquitecto municipal inclúe neste oficio a construción de pérgolas para o estacionamento, a mellora do envolvente do edificio destinado a oficinas e os traballos nos edificios de caldeiras.
Ademais de ordenar a súa suspensión, o Concello abre expediente a Ence como promotora destas obras para que repoña a legalidade urbanística.
A este respecto, a administración municipal advirte que se as obras realizadas son compatibles co ordenamento urbanístico e poden ser legalizables, Ence terá un prazo de tres meses para solicitar a correspondente licenza. En caso contrario, engaden, acordarase a demolición das obras á conta da propia empresa.
Esta resolución será trasladada á Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, adscrita ao Ministerio da Transición Ecolóxica, que foi quen outorgou a Ence a súa concesión para ocupar terreos de dominio público marítimo terrestre.