Medio ano de prisión para un condutor multirreincidente na súa cuarta condena por conducir sen carné
Por Natalia Puga
En outubro de 2014 tivo a súa primeira condena por conducir sen permiso. En abril de 2016, a segunda. En marzo de 2017, a terceira. Á vista destes antecedentes, cando en setembro de 2018 un condutor volveu a xuízo tras ser detectado por cuarta vez conducindo sen o preceptivo permiso, o xuíz volveu condenalo e, ademais, por primeira vez no seu paso polo xulgado polo mesmo delito, impúxolle unha pena adicional: non pode suspenderse o seu ingreso en prisión e deberá cumprir a pena imposta privado de liberdade.
A condena ditouna o Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra e supuxo a súa condena a seis meses e un día de prisión como autor dun delito contra a seguridade viaria na súa modalidade de condución sen permiso. O fallo incluíu tamén que non había lugar á suspensión desa condena, de modo que o condutor multirreincidente recorreu.
Agora, a Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra confirmou esa pena desestimando o recurso que presentou o seu avogado ao entender que si concorrían os requisitos para que permiten aos condenados acceder á suspensión da condena, entre eles, que non é un preso habitual nin se valoraron as circunstancias persoais do recorrente. Recorría ademais argumentando que a resolución non respectaba o dereito á liberdade e a un proceso con todas as garantías.
A Audiencia desestimou o seu recursos á vista da traxectoria delituosa que presenta, pois consta que antes desta cuarta sentenza xa fora condenado por conducir sen permiso tres veces antes en sentenza firme e considera que debe aplicárselle a circunstancia agravante de multirreincidencia.
Ademais, o tribunal provincial mantén que non concorren os requisitos nin para a suspensión ordinaria nin para a extraordinaria "ao tratarse de reo habitual, e á vista da traxectoria delituosa e que as suspensións de condenas anteriores non serviron para evitar a comisión delituosa do recorrente".
Así, insiste en que o condutor en cuestión "non presenta un prognóstico favorable de non cometer delitos no futuro" e replica ao seu recurso que a condena "non implica vulneración do dereito á liberdade nin vulneración do dereito de defensa".
Neste caso, foi sorprendido conducindo sobre as 7.00 horas do 17 de xuño de 2018, a pesar de que sabía de que non podía poñerse aos mandos de dirección do vehículo a motor ou ciclomotor, ao ser privado por resolución xudicial do permiso. A pesar diso, conducía un vehículo Opel Corsa cando foi interceptado por un servizo de control da Garda Civil.
O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenouno en sentenza firme en outubro de 2014 á pena de seis meses de prisión pola comisión dun delito de condución sen permiso; o Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra impúxolle en abril de 2016 a pena de 70 días de traballos en beneficio da comunidade por un delito de condución sen permiso, e a Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña ditou unha sentenza en marzo de 2017 a unha pena de seis meses de prisión por un delito de condución sen permiso.