O PP busca apoios para relanzar o PXOM máis alá do PSOE
Por Redacción
Hai uns días foron os empresarios da construción este mércores os arquitectos técnicos. Os concelleiros Jacobo Moreira, Ricardo Aguilar e Miguel Meijón reuníronse co representante do Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros da Edificación de Pontevedra e constataron o firme apoio deste colectivo profesional á reactivación da redacción dun Plan Xeral de Ordenación Municipal en Pontevedra.
Pelayo Eyo, da institución colexial, agradeceu o acordo acadado polo pleno da corporación o pasado luns cos votos de PP e PSdeG-PSOE para obrigar ao concelleiro do BNG, César Mosquera, a retomar o traballo e "evitar que a cidade termine sendo a única de Galicia sen un PXOM moderno e adaptado á normativa vixente".
"O planeamento é fundamental para a revitalización económica. O Concello ten que axustar o Plan as novas infraestruturas en proxecto, equipamentos previstos e reservas de solo para usos industriais, e, ao mesmo tempo, dar maior garantía as licenzas e actos administrativos que dependan do PXOM e ter preparada á cidade para o momento en que empece a notarse a recuperación", indicou. Arquitectos técnicos e concelleiros populares coincidiron na súa diagnose sobre o Plan Xeral de 1989, "obsoleto, esgotado e completamente superado".
Pelayo Eyo incidiu ademais na importancia capital que un planeamento ten para a súa profesión, precisamente unha das que está a sufrir con mais contundencia a dureza da actual crise económica.
Pola outra banda, Jacobo Moreira deixou claro que non pensa perder tempo na execución do importante acordo adoptado pola corporación o luns e este mesma mércores presentou unha solicitude formal para que se cree a subcomisión técnico-política encargada da busca do máximo consenso sobre os obxectivos prioritarios do Plan Xeral en relación con dotacións, equipamentos, sistemas xerais e ordenación do crecemento urbano e dos núcleos rurais, así como a ordenación dos terreos afectados por proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.
O voceiro do PP lembrou que a decisión do pleno establece que o Concello ten un ano para trasladar unha proposta firme de PXOM á Xunta cos informes favorables dos técnicos.