Sanxenxo mobilízase contra as violencias machistas
Por Redacción
Respecto, tolerancia, implicación e responsabilidade. Son os catro valores que, para facer fronte á violencia machista, reivindicaron as participantes da andaina solidaria celebrada este domingo en Sanxenxo.
Organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) baixo o lema "Por elas", a marcha serviu para lembrar a todas as mulleres asasinadas durante 2018.
Esta mobilización comezou na Praza dos Barcos, onde foron agredidas dúas mulleres hai apenas unha semana, e concluíu ante a sede do CIM en Portonovo.
Ademais desta vertente reivindicativa, a andaina tivo tamén un cariz solidario, xa que os asistentes entregaron unha gran cantidade de alimentos non perecedoiros que serán entregadas a familias do municipio a través dos servizos sociais.