Un condutor drogado foxe da Policía Local nun coche sen seguro nin ITV entre Poio e Marín
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio denunciou por varias infraccións administrativas o condutor e o ocupante dun turismo que na tarde deste luns 31 de decembro se deu á fuga a gran velocidade ao ver que unha patrulla policial estaba a realizar un control preventivo nas inmediacións do poboado do Vao.
Todo sucedeu sobre as 17.15 deste luns e a patrulla da Policía Local iniciou unha persecución para lograr interceptar ao vehículo fuxido e deulle o alto no nó da autoestrada AP-9 á altura da saída 132A, xa no termo municipal de Marín.
Os axentes comprobaron que o vehículo carecía de seguro e non pasara a ITV e localizou en posesión do condutor unha arma branca. Ademais, sometéronlle ao test de consumo de drogas e deu positivo en cocaína.
O condutor é un veciño de Marín de 48 anos e foi denunciado pola Policía Local por varias infraccións administrativas. Ademais, no vehículo viaxaba como acompañante un veciño de Pontevedra con varios antecedentes policiais ao que detectaron en posesión de varias doses de heroína.
En canto ao vehículo, quedou inmobilizado en Marín grazas á colaboración da Policía Local desta localidade.