VÍDEO.- Un incendio a medianoite destroza o baixo dunha antiga florería en Estribela
Por Diego Torrado & Natalia Puga
A Noitevella foi de todo menos tranquila para os Bombeiros de Pontevedra, que tiveron múltiples chamadas ao longo das últimas horas de 2018 e as primeiras deste martes 1 de xaneiro de 2019. A que xerou maior traballo, ao mesmo tempo que alarma, produciuse cando apenas quedaban 20 minutos para tomar as uvas de medianoite, pois se decretou un incendio nun baixo sen uso na parroquia de Estribela no que finalmente estiveron a traballar preto de tres horas.
Segundo informaron os Bombeiros, a chamada de alerta recibírona ás 23.40 horas e os dous camións mobilizados non regresaron ao parque de Pontevedra ata pasadas as 2.30 horas da madrugada. Atrás quedaban tres horas de traballo e un local arrasado polo lume.
O lume afectou a un baixo en desuso que fora unha florería e no que había numeroso material almacenado. De momento non resulta posible establecer a orixe do lume, pero os bombeiros pontevedreses si indicaron que as chamas deixaron esnaquizado o interior do local.
Por fortuna, o incendio non afectou á estrutura de pedra, pero durante as tarefas de extinción si chegaron a xerarse situacións de perigo pola proximidade de vivendas habitadas. Finalmente, tan só se rexistraron danos materiais e ningunha persoa resultou afectada.
Ao lugar acudiron efectivos dos Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra.