Marín estuda unha prórroga do contrato de limpeza dos edificios municipais
Por Redacción
O pleno municipal do Concello de Marín estudará este mércores a solicitude de prórroga da empresa Eulen para o contrato de limpeza de edificios e instalacións municipais.
Segundo informaron desde o Concello de Marín o arquitecto técnico municipal encargado da supervisión do contrato informou a favor da conveniencia da prórroga para o interese xeral.
No seu informe, con data do pasado día 3, sinalaba a conveniencia de acordar a prórroga, "tendo en conta a incuestionable e evidente utilidade pública para garantir o correcto estado de limpeza e hixiene das instalacións con uso municipal, e, non existindo deficiencias na prestación do servizo por parte da actual adxudicataria que puidese ser considerada como causa de obxección para a prórroga do contrato"
Segundo o convenio asinado entre Concello e Eulen en 2014 cabe a posibilidade, se ambas as partes así o estiman, de prorrogar por dous anos este acordo, mediante prórrogas anuais, sen que a duración total do contrato, incluídas estas ampliacións, poida exceder de seis anos.