Adega pide á Xunta a paralización do campionato de caza de raposo do 12 de xaneiro en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A asociación para a defensa ecolóxica de Galicia (Adega) solicita á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia a paralización e prohibición do campionato provincial de caza de raposo que está convocado para o próximo 12 de xaneiro nos montes de Cerdedo-Cotobade e, en xeral, de todos os concursos nesta liña.
O colectivo insiste en que os campionatos de caza do raposo son unha actividade que presenta unha gran repulsa social e que provoca un grande impacto negativo nas poboacións de raposos e no medio natural, desregulando así o equilibrio ecolóxico destas, especialmente en aquelas áreas que experimentan incendios forestais continuados.
Adega tamén insiste en que a iniciativa está organizada pola Federación Galega de Caza, entidade que recibiu nos últimos cinco anos un total de 141.289,90 euros de diñeiro público da Xunta de Galicia, dos que 37.706,37 euros foron destinados a campionatos de caza de raposo.
Ademais, indican que a Federación aumenta eses ingresos con fondos de empresas ou entidades privadas, sendo así salientable o financiamento achegada por parte de ENCE ao campionato de caza do raposo de Pontevedra deste ano.
Desde o colectivo ecoloxista recordan á Xunta que autoriza estes campionatos de caza baseándose nos censos elaborados e achegados polos propios cazadores e insisten en que, en realidade, "non existen censos rigorosos nin científicos sobre as poboacións desta especie" e non hai unha avaliación técnica do impacto ambiental que produce a caza (alteración dos hábitats e ecosistemas, chumbismo, control de enfermidades, etc).
Por outra banda, indican que é de especial gravidade a celebración destes campionatos en concellos que están a sufrir incendios forestais de xeito continuado nos últimos anos. É así no caso de Cerdedo-Cotobade, onde hai escasos días -entre o 3 e o 4 de xaneiro- se rexistrou o primeiro lume do ano. Durante estes días arderon un total de 45 hectáreas de Caroi, parroquia situada dentro dos límites das sociedades de caza organizadoras deste evento cinexético.
Non é a primeira vez que Adega denuncia prácticas cinexéticas ilegais e irregulares en Cerdedo-Cotobade. En 2017 denunciouse a concesión irregular de batidas de lobo por parte da Xunta no municipio, e a comezos do ano 2018 interpúxose unha denuncia ante unha actividade cinexética que estaba tendo lugar en terreos mancomunais afectados pola vaga de lumes forestais de outubro do 2017. A súa vez, desde a asociación notificouse e denunciouse publicamente a aparición dun lobo morto por disparos xusto despois do campionato da caza do raposo do ano 2018.
Relacionadas:
-
Cruzamento de denuncias entre cazadores e activistas tras o campionato provincial de caza de raposo
Por Diego Espiño |
-
Activistas tentan obstaculizar o campionato provincial de caza de raposos
Por Diego Espiño |
-
Piden á Subdelegación que garanta a seguridade das protestas para impedir o campionato de caza do raposo
Por Oskar Viéitez |
-
Polémica pola organización dun campionato de caza de raposos en montes de Cerdedo-Cotobade
Por Oskar Viéitez |