O PSOE busca o consenso de todos os partidos para poñer en marcha medidas para abaratar os alugueres de vivendas
Por Natalia Puga
O grupo municipal do PSdeG-PSOE amosa a súa preocupación pola subida do prezo do aluguer na cidade de Pontevedra, onde recolleu datos que lle permiten indicar que o prezo medio dun piso de dúas habitacións no barrio do Burgo se sitúa xa nos 550 euros, un de tres en Eduardo Pondal chega a 600 e un de tres na Parda se sitúa en 575. En base a esa preocupación e a eses prezos de mercado, presenta unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno da Corporación na que propón a adopción de medidas para abaratar o prezo dos alugueres de vivendas.
O seu voceiro, Tino Fernández, é consciente de que se trata dun asunto no que o Concello de Pontevedra non ten competencias, pero considera que todas as administracións e todos os partidos políticos teñen que poñerse dacordo para traballar en propostas xerais, pois "é un dos problemas máis importantes cos que se atopan miles de familias, moitas delas de Pontevedra".
Entre as medidas propostas, figura unha que consiste en recuperar unha vella idea que permita solucionar o feito de que o campus universitario de Pontevedra sexa o único galego sen unha residencia de estudantes pública. Así, pide instar ao Concello a retomar as negociacións coa Universidade para a construción dunha Residencia Universitaria.
As medidas propostas van dirixidas ao Goberno de España socialista, á Xunta de Galicia do PP e ao goberno local do BNG. En relación co Executivo estatal, do seu propio partido, propón que se lle pida desde o Concello axilizar a tramitación dos instrumentos legais necesarios para abaratar o prezo dos alugueres das vivendas.
En relación co Concello, as propostas pasan pola posta a disposición da Xunta de terreos para a construción de vivenda de promoción publica en réxime de aluguer. Ao respecto, cabe lembrar que o goberno local de Pontevedra xa ofreceu ao executivo autonómico cinco parcelas para construír vivendas sociais e rexeitounas.
Ademais, propoñen a cesión de terreos municipais a cooperativas para a construción de vivendas en réxime de concorrencia competitiva, que se faga un estudo para crear unha dotación económica nos futuros exercicios orzamentarios para a creación dun parque municipal de vivendas para dedicar ao aluguer e que se regulen e limiten as vivendas turísticas a través da aprobación dunha ordenanza municipal que regule as condicións de uso.
As medidas inclúen dúas destinadas á Xunta de Galicia, que supoñen instar a esta administración a que desenvolva un Plan de fomento de novas solucións habitacionais para colectivos de maiores, apostando polas solucións de co-housing ou vivendas colectivas, e á posta en marcha do plan de axudas de ata o 40% do total para rehabilitación de vivendas para xente nova nos cascos históricos.
"Ou buscamos unha alternativa ou temos unha situación de burbulla no futuro moi preocupante", valora Tino Fernández, que busca o apoio de todos os grupos políticos con representación na Corporación para un asunto que considera de interese xeral.
Relacionadas:
-
A Xunta rehabilitará antes do outono un edificio de Monte Porreiro onde hai 11 anos se tentou realoxar unha familia do Vao
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un novo PXOM é "urxente", segundo o PSOE, ante un modelo "parcheado e tuneado"
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello ofreceu á Xunta ata cinco parcelas para construír vivendas sociais
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta agarda que o Concello ceda parcelas para vivendas de promoción pública
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra é a capital galega na que máis subiu o aluguer de vivenda
Por Redacción |
-
A rendibilidade da vivenda en Pontevedra sitúase no 4,9%
Por Redacción |