Carmela Silva considera "terrible" que candidatas do PP estean dispostas a pactar con Vox
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, anunciaba que a institución provincial adheriuse ao manifesto feminista do movemento 'Ni un paso atrás'. Este manifesto xa foi asinado por máis dun cento de organizacións sindicais, políticas e sociais coa intención de sensibilizar socialmente e alertar ante o perigo de que se produza un retroceso nos dereitos das mulleres.
A presidenta provincial sinalou que este manifesto asínase para facer fronte ás mentiras, datos falsificados e ataques que sofren as mulleres. Ademais, anunciou que a Deputación apoiará as accións que este movemento feminista está a programar para defender a Lei contra a violencia machista.
Carmela Silva considera "humanamente indecente" promover que a lei contra a violencia de xénero non siga en vigor. Ao seu entender sería necesaria reforzala.
Ademais, a máxima representante provincial culpou a aqueles políticos e políticas que empreguen a expresión "violencia doméstica" en lugar de violencia machista ou de xénero de ser cómplices dos que queren derrogar a lei porque están a negar que exista a violencia contra as mulleres.
Neste sentido, lamentou que "algún alto cargo" galego xa teña xustificado publicamente o acordo "vergoñento" de Vox co PP para sacar adiante un novo goberno conservador en Andalucía e cualificou de "terrible" que mulleres candidatas do Partido Popular anuncien que están dispostas a pactar coa agrupación que lidera Santiago Abascal.