Obrigan a Nauta a modificar as bases do concurso de ideas para dinamizar a zona portuaria
Por Redacción
Nauta Sanxenxo recibiu esta semana unha notificación coa resolución dun recurso interposto polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos á licitación do concurso de ideas para dinamizar a zona portuaria.
As bases deste concurso están sometidas á Lei de Contratos do Sector Público e foron publicadas na plataforma de contratación do Estado en data 11.12.18.
Este recurso foi interposto pola Demarcación de Galicia do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos ao entender que recolle indebidamente a titulación enxeñería civil, considerando que as persoas coa devandita titulación non posúen as habilidades ou competencias para a realización dos traballos contemplados na fase de execución do proxecto.
Ademais este colexio profesional revelou a existencia dunha contradicción entre as cláusulas segunda e décima por esixir na segunda que a elaboración do anteproxecto ha de ser por un arquitecto ou enxeñeiro de camiños, canles e portos e a décima que se aceptará o perfil profesional de enxeñeiro civil.
O tribunal administrativo de contratación pública de Galicia solicitou a Nauta Sanxenxo que comunique as actuacións adoptadas para dar cumprimento a esta resolución, e é por iso que desde o Consello de Administración trabállase xa para a modificación destes dous puntos das bases e volverase a convocar un novo prazo de 35 días para a presentación proxectos.