Aumentan os casos de gripe en Urxencias, pero só hai cinco pacientes hospitalizados en Montecelo
Por Redacción
A xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra recoñece un incremento da demanda asistencial nos servizos de Urxencias ao longo desta última semana debido a cadros de reagudización de pacientes crónicos e a casos de pneumonía derivados da gripe.
Malia que se detecta este aumento, desde a xerencia sinalan que só cinco pacientes con gripe se atopan ingresados no Hospital Montecelo. Apuntan que a cepa destes casos aparece na vacina da actual campaña antigripal, pero iso non significa que non poida modificarse en vindeiros casos.
Ante o incremento de pacientes en Urxencias, a xerencia sinala que reforzou as diferentes quendas de profesionais destes servizos para aliviar os picos de demanda sanitaria.
RECOMENDACIÓNS
Ademais da vacina como principal medida para evitar a gripe, desde o Complexo Hospitalario sinalan que para evitar a propagación é necesario lavar as mans con frecuencia xa que as gotas que se emiten ao tusir, ao esbirrar ou ao falar poden quedar nas mans e o virus pode chegar a sobrevivir nelas ao redor de 5 minutos.
Tamén recomendan a limpeza habitual de mobles, tiradores de portas e outros obxectos porque os virus poden permanecer ata días nesas superficies.
As persoas maiores con potenciais cadros gripais en contacto con menores deben aumentar as precaucións lavándose as mans con frecuencia. Tamén é fundamental tapar a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar; evitar tocar os ollos, o nariz e a boca xa que se trata de posibles vías de contaxio, ademais de empregar kleenex ou, en todo caso, tusir e esbirrar contra a parte interna do cóbado.
Se a persoa se atopa xa con gripe, o máis recomendable é que permaneza en casa ata pasar 24 horas sen febre e sen tomar medicamentos, a non ser que o médico realice outra recomendación. En caso de que sexa necesario saír de casa, a Consellería de Sanidade recomenda o uso dunha máscara para a boca e nariz e evitar o contacto estreito con outras persoas, especialmente se presentan algún factor de risco.