A empresa COPCISA construirá o centro socio cultural do Revel
Por Redacción
A empresa COPCISA resultou adxudicataria da construción do centro socio cultural do Revel. Ao proceso de licitación, que comezou o pasado 23 de novembro, presentáronse un total de 7 empresas.
Este proxecto saíu a licitación cun orzamento de 1.555.577 euros, e finalmente foi adxudicado por 1.370.930 euros. Ademais, entre todas as melloras presentadas por parte de COPCISA, atópase a redución do prazo de execución das obras, dos 12 meses sinalados no proxecto a 8 meses e unha ampliación do prazo de garantía a 5 anos.
A construción deste edificio interrompeuse en 2008 cando estaba feita a cimentación e unha parte da estrutura, nas que se investiron preto de 200.000 euros.
A parcela na que está situado ten unha extensión de máis de 2.500 metros cadrados e conta cos servizos de rede de abastecemento de auga e saneamento, enerxía eléctrica e a zona dispón de beirarrúas e iluminación público.
O proxecto tamén inclúe a creación dun aparcadoiro no exterior do edificio.