O Concello de Barro asumirá a titularidade das infraestruturas do polígono empresarial
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, asinaron este venres, no Pazo Provincial, un convenio interadministrativo para a xestión, conservación e mantemento dos servizos xerais de saneamento de augas residuais e de abastecemento de auga do Polígono de Barro.
Na actualidade, contan con parcelas no Polígono de Barro, empresas como Distribucións Froiz, Caenor, EDF Solar, Gasóleos Xeve, Gescogra, Mariscos Alumar, González Cerqueiro, Frutas Moncho, Hijos de Rivera, José B. González Villaverde, Novas Rías, Rafael Díaz Buceta, Balvalen, Áridos de Curro, TC Group Atlántico e Estación de Servizo Low Cost.
Ademais das parcelas de solo industrial, o polígono tamén inclúe un centro de servizos de apoio empresarial e o viveiro de empresas da Deputación.
O alcalde de Barro expuxo que o convenio hoxe asinado é unha aposta máis para que o Polígono siga medrando "un polígono vivo, máis autofinanciable, para poder crear máis emprego e para poder xerar máis actividade económica".
A partir deste intre, a Deputación seguirá con estas funcións de conservación e explotación ata o 30 de xuño de 2019.
Dende esa data, o Concello de Barro asume a titularidade das infraestruturas, así como as tarefas de conservación e explotación das mesmas, así como tamén das obras de urbanización realizadas. Fíxase tamén que o Goberno provincial colaborará co Concello de Barro na elaboración das ordenanzas fiscais necesarias para o cobro da subministración da auga e o saneamento do polígono.
Dende a Deputación achegarase ademais toda a documentación técnica e administrativa correspondente a todas as infraestruturas, así como se prestará toda a asistencia técnica necesaria en aras a un correcto funcionamento dos servizos de abastecemento e de saneamento.
Relacionadas:
-
Froiz consegue agrupar as parcelas para o seu novo centro loxístico no polígono de Barro
Por Oskar Viéitez |
-
A nova nave de Froiz, primeira en España con autoconsumo fotovoltaico de última xeración
Por Redacción |
-
As obras da nave Froiz en Barro avanzan a gran ritmo
Por Redacción |
-
Barro destinará 111.000 euros a contratar dez traballadores en 2019
Por Redacción |