O PSOE propón impulsar unha 'Zona Comercio' para reducir os problemas de aparcamento en Marín
Por Redacción
O grupo municipal do PSOE de Marín, que capitanea Manuel Pazos como candidato á Alcaldía das próximas eleccións municipais de maio, fai unha batería de propostas para reducir os problemas de aparcamento que existen actualmente na localidade, entre as que destaca a posta en marcha dunha 'Zona Comercio' nas rúas e prazas con máis establecementos comerciais.
Manuel Pazos ve en Marín unha situación de "caos circulatorio e de ordenación do tráfico e do aparcamento" que considera que ten "unha elevada incidencia sobre o comercio local", que se une a outro moitos factores que condicionan esta actividade económica como, por exemplo a perda de máis de 1.500 habitantes nos últimos oito anos.
Para o PSOE é "fundamental" impulsar medidas de mellora urbana que permitan revertir esta situación e propoñen un total de catro medidas de aplicación nas zonas comerciais do centro de Marín e tamén de Seixo.
A primeira medida sería a creación dunha rede ben estudiada de aparcamentos en lugares estratéxicos que permitirá aos veciños aparcamento gratuito ao tempo que produzan un calmado do tráfico urbano e a mellora da calidade urbana, desconxestionando a situación da Praza de España. Estos aparcamentos de bordo non poden ser parcelas nas que se poida aparcar se non que deben estar perfectamente integradas no seu entorno urbano. Detallan na súa proposta unha listaxe para a creación ou acondicionamento de sete espazos de aparcamento que suporían a creación de preto de 550 novas prazas de aparcamento.
A segunda medida sería impulsar aparcamentos cubertos, non necesariamente soterrados. Desta maneira, recuperan a idea de crear unha área de estacionamento no parque Eguren, que ten unha superficie duns 5.000 metros cadrados e proporcionarı́a 300 novas prazas de aparcamento baixo superficie e o mantemento dunha superficie libre en superficie como a actual. O custo aproximado do investimento sería, segundo Manuel Pazos, de 3 millóns de euros.
A 'Zona Comercio' é a súa terceira proposta, para permitir que os clientes vaian ao comercio local a efectuar pequenas compras en Marı́n ou Seixo. Sería crear zonas especiais de aparcamento que estarían reguladas mediante unha ordenanza municipal buscando o consenso de todos os grupos politicos. Pensa en áreas cun límite de estacionamento de 45 minutos que fóra do horario comercial serían de aparcamento libre e estarían contraladas mediante un disco que indica a hora de aparcamento e a hora de fin.
A última proposta suporía crear un servizo de micro transporte público adaptado para o comercio local. Sería unha novidosa rede de micro transporte urbano adaptado especialmente pensado para persoas maiores ou con dificultades de mobilidade, facilitando que personas do rural poidan realizar a súas compras no comercio local de Marín e Seixo. A iniciativa probaríase de xeito experimental os xoves e sábados e suporía unha inversión de 35.000 euros anuais.