A reparación da ponte sobre o río Armenteira executarase nas "próximas semanas"
Por Redacción
Oito meses despois do afundimento de parte da calzada, a reparación da ponte de Portela sobre o río Armenteira pode ser inminente, despois de que a Xunta de Galicia anuncie a súa "reparación urxente" cun presuposto de 240.000 euros.
Os traballos, segundo anuncia o goberno autonómico, empezaranse a executar nas "próximas semanas" centrándose na reconstrución da estrutura, situada na estrada que une as localidades de Barrantes e Sisán e que se encontra pechada ao tráfico polo perigo que supón para vehículos e peóns.
O proxecto, segundo a Xunta, "supón unha mellora da ponte existente, aumentando a súa luz de 10 a 20 metros, o que permite situar os estribos fóra do leito do río,". Ademais a amplitude da ponte tras as obras permitirá, segundo transmite a administración, "continuar coa senda peonil para enlazar co futuro paseo dende a ponte de Barrantes ata a desembocadura do Umia".
A execución das obras, debido á urxencia anunciada pola Xunta, levaraa a cabo directamente Augas de Galicia a través da empresa pública Tragsa.
Polo momento o Concello de Ribadumia, mentres persistan as restricións de tráfico, recomenda como alternativa a este paso desviarse polo lugar de Muíños Novos para garantir a seguridade de condutores e peóns.