Cada familia que composta aforra anualmente máis de 360 quilos de emisión de CO2 á atmosfera
Por Redacción
Segundo os datos recolleitos polos técnicos do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, cada familia que composta aforra cada ano máis de 360 quilos de emisións de dióxido de carbono á atmosfera.
Son rexistros calculados polo persoal do plan provincial de xestión de residuos e que deu a coñecer o vicepresidente da institución, César Mosquera, con motivo do 'Día mundial pola redución de emisións de CO2' que se celebra o vindeiro luns día 28.
Cada veciño ou veciña da provincia de Pontevedra xera ao día ao redor de medio quilo de biorresiduos -restos de comida, vexetais, restos de poda e xardín-, o que fai que unha familia tipo (formada por 2,5 persoas, segundo os datos do INE) produza ao redor dun quilo e medio. Co actual sistema de Sogama, que inclúe recollida por medio de camións, transporte ata a planta de tratamento e incineración, o tratamento dese lixo orgánico produce máis de 650 quilos de CO2 ao ano por familia, mentres que a compostaxe, baseada no tratamento en proximidade e sen recollida, sen transporte, e sen incineración, baixa a emisión aos 291 quilos de CO2, producindo un aforro de máis do 55%.
"Na provincia de Pontevedra e na Galiza en xeral a parte orgánica supón o 53% da bolsa do lixo. Ata o de agora o tratamento dos residuos en xeral e dos biorresiduos en particular non estivo na axenda política das administracións, pero é obrigado dar un paso adiante porque todos temos a responsabilidade de impedir que o planeta se deteriore. Coa compostaxe hai un beneficio evidente para o medio", asegurou Mosquera.
O vicepresidente provincial insistiu ademais en que a Unión Europea aidantou e endureceu as súas esixencias en materia de residuos municipais baixo ameaza de sanción. En 2020 todos os concellos deberán preparar para reciclar o 50% do seu lixo e recoller de forma separada a fracción orgánica, algo para o que non están preparados a maior parte dos municipios.
Extrapolando o aforro de emisións estimado (-55%) cos datos de poboación de 2018 do INE, e de compostar todos os biorresiduos de maneira correcta, a provincia de Pontevedra podería evitar, aseguran, a produción duns 136.200 quilos de CO2 ao ano. Pola súa banda, de chegar ao 100% de compostaxe de lixo orgánico, concellos adheridos ao Plan Revitaliza poderían evitar a emisión duns 12.000.000 de quilos de dióxido de carbono por ano no caso de Pontevedra, máis de 1,5 millóns de quilos no caso do Grove ou 861.000 quilos de aforro de CO2 en Vilaboa.
Relacionadas:
-
Técnicos de Sogama impartirán unha clase de sostibilidade aos estudantes do Carlos Oroza
Por Redacción |
-
O presidente de Illa de Príncipe, onde veranean Brad Pitt e Bill Gates, interesado no plan de compostaxe pontevedrés
Por Anxo Lourido |
-
300 escolares do colexio Vilaverde apúntanse ao Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
O PP cre que os datos de Sogama reflicten que o Plan Revitaliza "non funciona"
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra incrementou nun 1.52% o envío de lixo a Sogama desde 2015
Por Alejandro Espiño |
-
Córdoba aplaude o modelo de xestión de biorresiduos "absolutamente exportable" da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Os escolares do colexio San Bieito de Lérez "gradúanse" en compostaxe
Por Redacción |
-
Todo listo para repartir 8.000 composteiros no rural pontevedrés
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación asegura que o Plan Revitaliza reduciu a cantidade de lixo enviado a Sogama
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |