Ingresa na Lama un ladrón que explicou á súa vítima que tiña que asaltala para poder ir ao cárcere
Por Natalia Puga
O Xulgado de Garda de Pontevedra enviou ao centro penal da Lama a un veciño de Vilagarcía de 49 anos que o pasado luns explicou persoalmente a unha vítima á que estaba a atracar que lle poñía un coitelo no pescozo para poder, desta forma, ingresar en prisión.
O home é un vello coñecido das Forzas de Seguridade e hai escasos días foi detido tras ser sorprendido en plena rúa cando acababa de prender lume a tres coches aparcados na zona de Alcalde Hevia e María Victoria Moreno, no barrio de Campologo.
Cando foi arrestado pola súa actividade incendiaria levaba encima unha garrafa e tiña feridas nas mans por romper os portelos dos vehículos para incendialos. A pesar de pasar a disposición xudicial, quedou en liberdade, de modo que esta semana volveu ás andadas e tentou atracar unha librería da avenida Eduardo Pondal con intencíon de ser enviado ao cárcere.
Os feitos ocorreron a última hora da tarde do luns, cando a responsable do local comercial, que tamén se dedica á venda de lotería, estaba soa no negocio. O home entrou, saltou por encima do mostrador, púxolle un coitelo no pescozo e instouna a abrir a caixa rexistradora. Nese momento, explicoulle que estaba a tentar roubarlle para poder entrar en prisión.
O roubo frustrouse porque un cliente que entrou e viu a escena saíu correndo e pediu axuda no bar do hotel Avenida, situado á beira. Nese momento estaba no negocio xogando ao dominou un policía xubilado que se dirixiu á librería e mediou co atracador, logrando que deixase o coitelo.
A Policía Nacional xa fora alertada, de modo que unha patrulla chegou pronto ao lugar e procedeu a deter ao presunto ladrón. Antes, deulle tempo a pedirlle perdón á súa vítima, á que lle contou que tiña problemas e que quería ir estar entre reixas. Logrouno, pois na tarde do martes foi posto a disposición xudicial e decidiuse o seu ingreso inmediato no centro penal.