De Pontevedra a "Sálvame" ou "Gran Hermano": Paolo Vasile buscará novos talentos no campus
Por Redacción
Do Campus de Pontevedra a Sálvame, Gran Hermano ou calquera outro programa de Mediaset España. Paolo Vasile, conselleiro delegado da empresa editora de Telecinco ou Cuatro, estará o martes 11 en Pontevedra. Ven a asinar un convenio coa Universidade de Vigo polo cal os estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación poderán realizar as súas prácticas profesionais nas diversas empresas que conforman este grupo audiovisual.
Anunciouno o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, trala xuntanza do Consello Social no que esta institución educativa nomeou a Paolo Vasile como padriño do acto de recoñecemento das empresas que colaboran coa Universidade. Foi elixido por unanimidade como forma de reivindicar a importancia da comunicación á hora de potenciar a relación entre a universidade e a sociedade e visibilizar o labor que se realiza nos campus.
O conselleiro delegado de Mediaset en España será o encargado de impartir a conferencia central deste evento que se organiza cada dous anos para homenaxear ás organizacións empresariais que cooperan coa Universidade tanto a través de prácticas para o estudantado como en proxectos de I+D. Substitúe no palmarés a xente como Ana Patricia Botín ou Ferrán Adriá.
O reitor explicou que na actualidade existen máis de 2.000 convenios con empresas, polo que para este acto se fixo unha selección da que forman parte as 13 empresas que teñen unha cátedra na institución, 116 empresas con dous ou máis estudantes en prácticas, 62 de base tecnolóxica e 138 con máis volume de contratación. En total están convidados preto de catrocentos empresarios, os máis representativos entre os que colaboran coa Universidade.
PAOLO VASILE, UN REFERENTE DA TELEVISION ACTUAL
A Universidade de Vigo escolleu como padriño deste acto a Paolo Vasile porque "temos moi presente que a comunicación é unha compoñente esencial para o desenvolvemento efectivo das nosas competencias, un vehículo imprescindible para cumprir a misión que se nos encomendou e, acaso, onde reside a maior potencialidade para facer posible que a sociedade e a Universidade fortalezan un proxecto colectivo de futuro", sinalou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social.
Vasile, conselleiro delegado de Mediaset e produtor cinematográfico, é nado en Roma, pero dende que desembarcou en España en 1999 foi gañando espazo nos medios de comunicación, tanto detrás como diante das cámaras, convertendo a Telecinco na cadea de maior audiencia no país durante varios anos e consolidando a súa fusión con Cuatro en 2011. Na actualidade Mediaset está composta por estas dúas canles xunto con FDF, Nueve, La Siete, Divinity, Energy e Boing.
Tralo acto, que comezará ás 11.30 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Paolo Vasile desprazarase pola tarde ao campus de Pontevedra para manter un encontro con docentes e estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Relacionadas:
-
Paolo Vasile: "Internet no ha matado la TV. Ha alargado su vida. Le ha dado muchas más posibilidades"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Mediaset, editora de Telecinco ou Cuatro, forma futuros profesionais da televisión no campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
Paolo Vasile, en Pontevedra: "¿Telebasura? A los que hablan mal de nosotros les encantaría hacer esta televisión"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |