Sanxenxo reserva 180.000 euros para construír o local social de Gondar
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo financiará con cargo ao orzamento de 2019 a construción do local social de Gondar, cuxo custo está valorado en 180.000 euros.
Trátase dunha vella demanda dos veciños e un dos compromisos adquiridos en xuño de 2017 no pacto de goberno.
O proxecto do local social contempla a construción dun edificio de 183 metros cadrados, nas parcelas que recentemente adquiriu a Comisión de Festas e que agora están en trámites de cesión ao Concello.
O local está distribuído nun vestíbulo de entrada, unha gran sala polivalente, unha oficina, dous aseos e un almacén. Ademais, está previsto urbanizar o exterior cun aparcadoiro e unha zona verde.
En canto o goberno dispoña do proxecto definitivo, manterá unha reunión coa comisión de festas de Gondar para que o coñezan en detalle e a continuación sacará a licitación as obras de construción do edificio.