Os encargados de despregar a compostaxe no rural pontevedrés comezan a súa formación
Por Redacción
As dependencias da Cidade Infantil Príncipe Felipe acollerán desde este luns a formación específica para as dez persoas que van participar no despregamento dos composteiros individuais no rural pontevedrés.
Trátase de persoal da entidade Fruga (Federación Rural Galega), entidade que asinou xunto ao Concello de Pontevedra e a Deputación o compromiso de executar o proxecto de implantación e seguimento da compostaxe individual, supervisado polo equipo municipal nesta materia.
O proceso de levar este modelo de xestión de residuos ao rural supoñerá a entrega de 8.000 composteiros individuais nas vivendas unifamiliares, comezando polas parroquias de Salcedo, Tomeza e Campañó.
Fruga realizará a entrega e montaxe do composteiro e os utensilios necesarios ás persoas que queiran participar, e fará visitas aos domicilios para coñecer como se vai desenvolvendo o proceso.
A acción completarase nunha segunda fase con charlas informativas entre os veciños das parroquias implicadas.