A Policía Local de Poio cre que o corte de tráfico previsto na ponte da Barca "non é viable"
Por Diego Espiño
O corte dun carril da ponte da Barca, a partir deste luns 11 de febreiro, "non é viable" segundo a Policía Local de Poio.
A medida foi anunciada pola conselleira de Insfrastruturas da Xunta de Galicia, explicando dará só servizo de saída de Pontevedra ata marzo debido ás obras de rehabilitación que se están a levar a cabo.
Con todo a Policía Local asegura que non será posible realizalo porque "non existe un plan de tráfico, nin de sinalización, nin están avisados as empresas de transporte escolar nin os colectivos afectados".
A agrupación de seguridade municipal critica ademais que nin eles nin o Concello de Poio recibiron escritos oficiais respecto do corte de tráfico previsto, limitándose o aviso a unha chamada do encargado da obra.
"Desde a Policía local de Poio informouse ao devandito encargado de obra que o corte previsto non é viable", reiteraron nun comunicado, sinalando que unha medida desta magnitude debe ser consultada cos encargados de regular o tráfico da zona, neste caso a Policía Local de Poio, sen que iso se fixese nin tampouco se comunicara a técnicos do Concello.
"Tal e como está previsto sería un colapso para os veciños de Poio", explican, "xa que a única alternativa sería a saída por Domingo Fontán onde non hai prioridade de paso na saída".