Deteñen oito persoas do clan dos Piturros por branquear catro millóns procedentes do narcotráfico
Por Natalia Puga
A Agencia Tributaria desmantelou este semana unha trama de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico en Pontevedra que se saldou coa detención de oito implicados e a realización de cinco rexistros domiciliarios en Vilanova de Arousa e Poio.
Na operación, bautizada como 'Cisne', procedeuse ao bloqueo de contas bancarias dos detidos, así como ao embargo de todos os seus bens inmobles e vehículos.
En canto aos oito arrestados, pertencen ao clan familiar dos Piturros con varios membros con antecedentes por narcotráfico. Entre eles atópanse o patriarca, Manuel Vázquez Vázquez, e o seu fillo Juan Carlos Vázquez.
Catro deles pasaron a noite nos calabozos da Comisaría de Vilagarcía e outros catro en Pontevedra e empezaron a prestar declaración no Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía ao longo da mañá deste mércores. Todos eles quedaron en liberdade con cargos.
As investigacións duraron varios meses, analizaron os movementos patrimoniais dos investigados dende o ano 1993 e permitiron decubrir importantes investimentos patrimoniais de orixe descoñecida na compra de varios buques e licenzas de pesca e a constitución de diversas sociedades para ocultar a procedencia dos bens. As sociedades constituídas con esta finalidade tiñan domicilios en Reino Unido e Belice.
Coas ganancias obtidas presumiblemente da actividade de tráfico de drogas, realizáronse polos agora detidos importantes investimentos en inmobles (construción dun chalé de carácter suntuario e compra de locais comerciais e pisos) e varios vehículos, xa directamente xa a través de sociedades pantalla a nome do ámbito familiar ou de homes de palla. Os cálculos iniciais sinalan que a cifra total branquexada puidese roldar os catro millóns de euros.
A investigación, foi realizada polo Grupo de Branqueo de Capitais de Vigilancia Aduanera da Coruña, e dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía e o fiscal Antidroga de Pontevedra, Luis Uriarte.