Impulsan en Valdecorvos a primeira cooperativa de aluguer de vivendas en Galicia
Por Alejandro Espiño
É francamente complicado que, tal como está o mercado inmobiliario, poder atopar unha vivenda de 90 metros cadrados -con garaxe e rocho- que custe uns 132.000 euros. E menos que, para alugala, o desembolso para o inquilino non supere en ningún caso os 450 euros. Pero en Valdecorvos, a medio prazo, poderá ser posible.
A sociedade Galca Solucions Habitacionais impulsa unha promoción pioneira en Galicia. Edificará 34 vivendas -en baixo e catro andares- nunha parcela do polígono de Valdecorvos. Iso si, será baixo unha fórmula moi estendida nos países nórdicos pero que resulta nova por estas lareiras. Crearán unha cooperativa cuxos integrantes accederán a estes pisos en réxime de cesión de usos.
O responsable do proxecto, Jesús Cano, asegura que se trata dunha experiencia "moi ilusionante" e que será posible grazas ao novo plan estatal de vivenda.
Mediante este sistema, a cooperativa manterá a propiedade de todos os pisos durante uns 25 anos e os seus integrantes farán unha achega inicial "modesta" e pagarán un aluguer "moi económico" durante o tempo que a ocupen. Os propios inquilinos xestionarán a súa propia convivencia, encargaranse do mantemento e terán servizos comúns.
Pasados eses 25 anos, os usuarios poderán quedar coas súas respectivas vivendas ou ben cedelas á cooperativa, sinalou Cano, que destacou que este sistema é posible grazas ás axudas que achegarían Fomento e a Xunta, uns 390 euros por metro cadrado.
Iso si, non calquera persoa pode ser cooperativista. Só poderanse beneficiar desta fórmula as unidades familiares que non superen en 4,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), fixado actualmente en 537,84 euros mensuais. Ademais, han de ser inquilinos destas vivendas e non ceder o seu uso a terceiras persoas.
Con este sistema, segundo Jesús Cano, "introducimos en Galicia o concepto de expor unha vivenda como un dereito e non como un ben mercantilizado", evitando que xente con poucos recursos económicos sexa expulsada do mercado inmobiliario. "É un primeiro paso", engadiu, para implantar "alternativas" á situación actual.
Relacionadas:
-
Unha cooperativa construirá 33 novas vivendas de protección autonómica en Valdecorvos
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Valdecorvos contará con un aparcamento disuasorio con capacidade para 200 vehículos
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello ofreceu á Xunta ata cinco parcelas para construír vivendas sociais
Por Alejandro Espiño |