Rescatan unha muller que deu varias voltas de campá co seu coche na AP-9
Por Redacción
Unha muller foi evacuada en ambulancia a un centro hospitalario tras sufrir un accidente de tráfico en Pontevedra. Segundo informou o 112 Galicia, o sinistro produciuse ás nove e media da noite do martes, nun dos tramos da autoestrada AP-9 que atravesa a cidade.
Varios condutores alertaron aos servizos de emerxencia ante a posibilidade de que a muller estivese atrapada dentro do coche, xa que o vehículo dera varias voltas de campá e quedara envorcado sobre a vía, na ponte que cruza a ría en dirección a Vigo.
Ao lugar do accidente trasladáronse efectivos do 061, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local de Pontevedra e voluntarios de Protección Civil.
Os Bombeiros de Pontevedra, que tamén foron mobilizados, non tiveron que excarcerar á vítima, xa que a muller estaba accesible e puido ser auxiliada polos servizos sanitarios.