Entra na sede da Policía Local para buscar un amigo perdido e sae cunha denuncia por conducir borracho
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra multou durante a pasada fin de semana a un condutor que acudiu borracho á propia sede deste Corpo policial na rúa Alexandre Bóveda porque non localizaba a un amigo. Chegou conducindo ás dependencias e con evidentes síntomas de inxerir alcol, de modo que lle realizaron a proba de alcoholemia e deu resultado positivo.
A peripecia deste home empezara un tempo atrás nun local da rúa Michelena de Pontevedra. Acudiu ao establecemento cun amigo e, cando pechou, non atopou ao seu acompañante e atopouse con que tiña as chaves do coche e o seu móbil.
Nese momento, empezou a buscalo. Primeiro, percorreu varias rúas do centro para tentar localizalo, tocando a bucina. Finalmente, foi parar a zona de orillamar e a contorna das instalacións da Policía Local e, ao ver as dependencias, decidiu entrar, chegando a meter o coche na zona de estacionamento interna dos policías.
Os policías que se atopaban de garda notaron que bebera, realizáronlle o test e detectaron que presentaba unha taxa positiva de 0,60 miligramos de alcol por litro de aire expirado, de modo que procederon a denunciarlle.
O home saíu da Xefatura cunha sanción administrativa que implica unha multa de 1.000 euros e a retirada de seis puntos do carné de conducir. Ademais, procedeuse á inmobilización do vehículo, segundo informou a Policía Local.
En canto, ao amigo ao que estaba a buscar, foi localizado pouco despois.