O PSOE quere crear un paking disuasorio de 220 prazas na rúa 12 de Novembro
Por Redacción
O candidato do PSOE á Alcaldía, Tino Fernández, achegábase este mércores acompañado doutros integrantes da agrupación socialista ata a zona da Parda. Alí, Tino Fernández sinalaba que no próximo mandato é necesario dar prioridade á instalación das bases para a creación do centro lúdico-deportivo, que estaba previsto construír nesta zona da cidade e que debido á quebra da empresa adxudicataria das obras e "á falta de compromiso da Xunta" non chegou a materializarse aínda, apuntou.
O portavoz da agrupación municipal socialista mantiña encontros coa veciñanza dos barrios de Pontevedra Leste e lembrou que A Parda conta cunha parcela de máis de 30.000 metros cadrados á beira da Estación de trens totalmente "abandonada e asilvestrada". Ante o crecemento da cidade por esta zona, Tino Fernández cre que é o momento de facer un proxecto máis ambicioso e con máis instalacións deportivas para este espazo.
PARKING
O novo edificio dos Xulgados comportará, segundo os representantes socialistas, a necesidade de máis prazas de aparcadoiro na Parda. Fernández propón destinar como parking disuasorio unha parcela municipal de 5.400 metros cadrados situada entre a rúa 12 de Novembro e o parque Amalia Álvarez. Segundo sinala, este espazo tería capacidade para máis de 200 vehículos. Ademais mostrou a súa intención de analizar coa veciñanza a utilización doutras parcelas como estacionamentos.
FINCA DO CONDE
Os socialistas teñen previsto incluír no seu programa a revalorización da parcela da Finca do Conde, situada en Conde de Bugallal no cruzamento de Tomeza, coa creación dun parque público, que tería o tamaño da Alameda.
Tamén estudan a instalación dun parque biosaudable na contorna de Pintor Laxeiro e a ampliación e mellora dos parques infantís.
Outro dos obxectivos que se marca o grupo socialista é resolver as filtracións e humidades das prazas privadas situadas baixo a praza de Fermín Bouza Brey, un problema que afecta a 120 familias. Ademais esta situación afecta ao segundo soto, propiedade do Concello.
Fernández lamentou que unha parte da pasarela sobre o tren na rúa 12 de Novembro siga "a monte" e sen beirarrúas, de maneira que se xeran situacións de perigo e de mobilidade nesa zona.