Comer en Terras de Pontevedra: as festas gastronómicas
Galicia é un paraíso para os amantes da boa mesa: un produto de primeira calidade e quilómetro cero, grandísimos cociñeiros e a paixón por compartir as nosas tradicións e historias cun prato diante e unha copa do mellor viño. Terras de Pontevedra non podía ser una excepción.
Partillamos con vós sete festas gastronómicas imprescindibles nas que probar os produtos típicos, practicamente do mar e o campo á mesa, para que as apuntedes na vosa axenda de 2019:
1- TROITA EN PONTE CALDELAS
A Festa da Troita de Ponte Caldelas xurdiu como unha iniciativa dun grupo de afeccionados á pesca en 1967 e hoxe en día está considerada de Interese Turístico de Galicia. Vai acompañada polo Concurso Internacional de Pesca, nas augas do río Verdugo ao seu paso por Ponte Caldelas e moi preto da praia fluvial da Calzada.
Nesta festa pódese catar a troita en todas as súas formas, xa sexa nos numerosos locais especializados da zona ou na degustación popular que se leva a cabo na Alameda.
Cando: último domingo do mes de maio / primeiro de xuño.
2- VIÑO EN VILABOA
Ribeiras do Morrazo pode que non sexa unha das IXP (indicación xeográfica protexida) máis coñecida polos viaxeiros, especialmente tendo en conta a súa recente aprobación en Bruxelas, pero estes viños tintos e brancos secos producidos entre as rías de Vigo e Pontevedra xa contan coa súa propia festa gastronómica na Mostra do Viño de Vilaboa.
A festa celébrase na parroquia de Santa Cristina de Cobres e inclúe distintas catas e casetas de degustación popular dos viños producidos baixo a IXP.
Cando: a finais de maio.
3- ANGUÍA EN PONTESAMPAIO (PONTEVEDRA)
A Festa da Anguía festexa, por un lado, un prato único, repartindo máis de 800 quilos aos visitantes que se achegan a probar o produto nas súas distintas preparacións: frita, guisada, en empanada ou escabeche; e por outro, é unha homenaxe aos mariñeiros xubilados, aos que se outorga o distintivo da anguía de ouro.
Cando: primeira metade de xuño.
En Pontevedra celébranse tamén as festas da Castaña (Tomeza), o Caldo Galego (Mourente) ou o Mel.
4- AUGARDENTE EN CAMPO LAMEIRO
Celebrada adoito a primeira fin de semana do verán, chega a Campo Lameiro unha festa única ao redor da elaboración da augardente. A primeira hora, acéndense os alambiques, que empezan a producir ata obter os licores baixo a atenta mirada dos visitantes.
A festa vai acompañada dunha cata, un xantar popular con pratos e viños da zona e unha queimada.
Cando: última semana de xuño / primeira de xullo.
5- CIGALAS EN MARÍN
A Festa da Cigala de Marín é unha das feiras gastronómicas máis populares das Rías Baixas. Cun dos portos pesqueiros mais grandes de España e unha profunda tradición mariñeira, que trae as cigalas vivas á lonxa, é sen dúbida un dos mellores sitios para degustar este produto.
Cando: segunda quincena de xullo.
En Marín tamén se celebra o San Migueleiro, unha ruta gastronómica polos locais do concello e que acompaña ás Festas de San Miguel e Danza das Espadas, de Interese Turístico de Galicia.
6- AMEIXAS EN CAMPELO (POIO)
No pequeno porto de Campelo, atópase a lonxa de maior facturación en bivalvos das rías galegas. É, sen dúbida, o mellor lugar para probar as ameixas que as mariscadoras da zona cultivan na ría de Pontevedra. A festa celébrase dende 1988 e atrae todo tipo de visitantes para gozar das actuacións musicais, o folclore tradicional e as ameixas á pescadora, preparadas con fabas e fideos.
Cando: segunda fin de semana de xullo.
Moi preto de aquí, a mediados de agosto, Combarro celebra a popular Festa do Mexillón, unha escusa máis para percorrer o seu bonito centro histórico e os seus hórreos a carón do mar.
7- REQUEIXO E FILLOAS EN CORREDOIRA E VALONGO (CERDEDO-COTOBADE)
O concello de Cerdedo-Cotobade ten no seu calendario moitas festas gastronómicas. Entre as de maior tradición atópanse as do Requeixo de Corredoira, que xa vai pola edición 40, e a das Filloas de Valongo, que alcanzará a 41 este 2019.
Á primeira aconsellamos ir cedo, xa que as preto de 250 pezas artesanais de requeixo que se poñen a venta, esgótanse en pouco tempo. A segunda, que se enmarca nas festas patronais da Virxe do Libramento, reparte cerca de 5.000 filloas entre os asistentes.
En ámbolos casos, a festa complétase con ceas populares e música.
Cando: A Festa do Requeixo de Corredoira celébrase á metade de xuño e a Festa da Filloa de Valongo na primeira fin de semana de setembro.
Estas 7 non son as únicas festas gastronómicas de Terras de Pontevedra, podes consultar un listado completo neste artigo da web.
APP DE TERRAS DE PONTEVEDRA
Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS y Android
Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para todos os viaxeiros. A través da app podemos atopar máis lugares únicos ou seguir os itinerarios temáticos da aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e gozar dun territorio inigualable.
Descarga a app para Android e iOS neste enlace: app.terrasdepontevedra.org