A Avogacía do Estado emitiu un informe en 2015 favorable á prórroga da fábrica de Ence en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Avogacía do Estado emitiu un informe, con data do 24 de novembro do 2015, que era favorable á prórroga da fábrica de Ence en Pontevedra por ser esta "conforme a dereito". A dirección da compañía pasteira puxo o documento a disposición dos membros dos comités de empresa.
Este informe previo sobre a legalidade de prorrogar ata o 2073 a concesión dos terreos que ocupa a fábrica de Lourizán contradí o argumento esgrimido este martes ante os representantes dos traballadores por parte do director de gabinete da Secretaría de Estado de Medio Ambiente, Ismael Aznar.
Segundo informaron este mércores en rolda de prensa os presidentes dos comités de empresa da fábrica, Ignacio Acuña e das oficinas centrais de Ence, Ana Cedeira, este portavoz do Ministerio de Transición Ecolóxica díxolles que o Goberno presidido por Mariano Rajoy concedeu a prórroga sen informe xurídico previo da Avogacía do Estado e que, posteriormente cando este emitiuse foi negativo ao criterio aplicado para prorrogar a presenza da fábrica en Lourizán, razón pola que o Goberno de Pedro Sánchez decidiu non defender a prórroga ante a Audiencia Nacional.
Os presidentes dos comités de empresa lamentaron o reiterado uso electoralista que se fai da fábrica de Ence e expresaron a súa intención de personarse nas causas abertas contra a prórroga da concesión da factoría, como parte afectada para defender os seus postos de traballo e tamén para poder contar con información de primeira man.
Sosteñen que o problema coa fábrica non é ambiental senón de interpretación xurídica da legalidade e reiteran que non hai ningunha alternativa viable para o seu traslado.
Para defender os seus postos de traballo sairán á rúa. Así acudirán este venres ao pleno da Deputación de Pontevedra, aínda que non foi autorizada a súa intervención na quenda de palabra previa.
Relacionadas:
-
Carmela Silva alerta o persoal de Ence de que non poderá intervir no pleno por solicitalo fóra de prazo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Reyes Maroto, ministra de Industria: "Hai un informe que nos di que a prórroga a ENCE era ilegal"
Por Alejandro Espiño |
-
Rajoy outorgou a prórroga a ENCE "sen consulta previa" á avogacía do Estado
Por Oskar Viéitez |
-
ENCE comeza a parada técnica anual, á que destinará máis de 15 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |