"Somos pais de familia que vimos defender o pan dos nosos fillos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Traballadores da fábrica de ENCE en Lourizán e das súas empresas auxiliares acudiron este venres á Deputación de Pontevedra. "Somos pais de familia que vimos defender o pan dos nosos fillos", dixo a presidenta do comité de Ence - Oficinas, Ana Cedeira.
Ata o salón de plenos asistiron un grupo de corenta traballadores que reclamaban a quenda de palabra que lles foi denegada por unha cuestión de forma ao ser presentada a solicitude fóra de prazo, segundo explicou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
Despois de varios avisos para que se mantivese a orde Carmela Silva decidiu suspender o desenvolvemento do pleno ordinario ante a presión dos traballadores de ENCE. O pleno retomouse na sala de xuntas do pazo provincial pero a porta pechada.
O grupo do PP solidarizouse cos traballadores e non participou no pleno a porta pechada, polo que sen oposición o goberno provincial sacou adiante a orde do día en apenas cinco minutos.
"Este é o primeiro paso, pero haberá moitos máis", anunciaban desde o comité de empresa nunha asemblea improvisada ante a escalinata do Pazo Provincial.
É unha primeira reacción social na rúa ante a incerteza xerada pola continuidade da factoría de Lourizán.
"Ence si, paro non", "Deixádenos traballar", "Ence non se pecha" foron algunhas das consignas coreadas polos manifestantes.
Ana Cedeira explicou que con esta mobilización "queremos visibilizar que somos persoas que queremos manter os nosos postos de traballo" e "que a clase política nos vexa as caras". Neste sentido apunta que se farán ver en todas as institucións, na rúa "e tamén nos tribunais", engadiu.
O presidente do comité de empresa de Ence -Factoría, Ignacio Acuña asegurou que foi un "ladrillazo" a mensaxe da Compañía anunciando na Xunta de Accionistas que se pecha a fábrica de Pontevedra non investirán en Galicia senón que o farían "fóra de España". Tamén están afectados polo desvío dos investimentos a Navia.
"Nós temos moito que dicir e que loitar polo noso pan", engadiu.
Relacionadas:
-
Carme da Silva ve "presións" políticas e económicas detrás do apoio das confrarías a Ence
Por Alejandro Espiño |
-
Os comités de empresa de Ence convocan unha concentración ante o Parlamento de Galicia
Por Redacción |
-
Carmela Silva: "Feijóo considera que a oposición do PP é a presidenta da Deputación"
Por Anxo Lourido |
-
Rexeitamento municipal a que Pontevedra retire o recurso contra a prórroga de ENCE nos tribunais
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |