Sorprenden un home raiando sete vehículos e alega que se mareou e caeu contra os coches
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra identificou e denunciou un home de 63 anos por presuntamente causar danos en sete vehículos estacionados na rúa José Malvar na noite do venres 22 de marzo.
O curioso, a maiores do delito en si, foi a explicación que deu o home cando a Policía Local o interceptou. Segundo informaron fontes policiais, manifestou que se mareou e caeuse contra os vehículos, causando os danos.
Os feitos ocorreron sobre as 21.43 horas e saíron á luz grazas a unha testemuña que viu a un home raiando vehículos estacionados en ambas as marxes de José Malvar e alertou á Policía Local, facilitando unha descrición do vándalo.
Os axentes realizáronlle un seguimento e localizárono xa na rúa Loureiro Crespo, á altura da entrada principal do antigo asilo de anciáns. Alí interceptárono e achegou a explicación do mareo.
Máis tarde, o home, que carece de antecedentes, acabou confesando e recoñecendo tamén que non era a primeira vez que está implicado en danos a vehículos.