Toda a comunidade educativa de Campo Lameiro envórcase contra a violencia de xénero e o acoso escolar
Por Redacción
Alumnado, profesorado e familias do colexio de infantil e primaria Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro participaron durante esta última semana en diversas actividades do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas promovidas, neste caso, pola Garda Civil de Pontevedra.
O profesorado e as familias participaron o martes en dúas charlas formativas e informativas sobre a realidade da violencia de xénero na contorna escolar e en todos os ámbitos que, dalgunha forma, afectan aos máis pequenos e sobre as situacións de acoso escolar que poden chegar a vivirse nos centros educativos, co obxectivo de darlle ferramentas a toda a comunidade educativa para que saiba previr as distintas situacións e tamén afrontalas no caso de que se dean.
O alumnado recibiu as mesmas charlas por parte de axentes da Garda Civil adscritos ao Plan Director xa o vés, durante a xornada escolar. As actividades viraron sobre as mesmas temáticas, pero os contidos foron diferentes para ambos os colectivos, adaptadas a cada un dos perfís.
O Plan Director promóveo o Ministerio do Interior e desenvólveno, en función do territorio e a petición dos distintos colexios, a Garda Civil e a Policía Nacional. No caso de Campo Lameiro, corresponde este labor á Benemérita, que no presente curso escolar incrementou notablemente a demanda por parte dos centros educativos para que impartan as charlas.
O Plan Director aborda temáticas moi variadas para previr todo tipo de delitos que poidan ter aos escolares como protagonistas baixo demanda de cada colexio e os responsables da súa posta en marcha no ámbito territorial da Garda Civil de Pontevedra confirman que unha das liñas de traballo nas que máis colaboración piden os centros é, precisamente, unha das realizadas en Campo Lameiro esta semana, a centrada na concienciación e formación para previr a violencia de xénero.
Trátase de actividades nas que axentes de distintos postos e especialidades da Garda Civil na provincia acoden aos centros escolares e forman aos mozos no respecto dos dereitos e liberdades fundamentais e en valores de dignidade e igualdade entre homes e mulleres.
A outra temática sobre a que recibiron formación en Campo Lameiro, a do acoso escolar, tamén figura entre as accións formativas máis demandadas. Os colexios confían cada vez máis nas charlas desta iniciativa para que axentes da Benemérita acudan aos centros e dean formación específica a nenos, profesores e pais.
Relacionadas:
-
As charlas do Plan Director da Garda Civil chegaron este curso a máis de 21.000 persoas
Por Redacción |
-
Os alumnos do Toural de Vilaboa gravan unha curta sobre o acoso escolar con Touriñán e David Amor
Por Redacción |
-
Ante un caso de violencia de xénero ou acoso escolar, denuncia sempre
Por Redacción |
-
Educación e uniforme danse a man para loitar contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Atención, adolescente, a droga crea adicción e tamén pode acabar en sanción!
Por Natalia Puga |