As rúas de Pontevedra non esquecen ás mulleres represaliadas
Por Redacción
A represión sufrida polas mulleres pontevedresas tras o golpe de estado do 36 foi rescatada da escuridade da historia este domingo nunha ruta teatralizada.
A iniciativa, denominada "Rúas con memoria", puxo en escena nas rúas da cidade catro pezas na que se relataban os feitos ocorridos durante a ditadura franquista.
Este exercicio de Memoria histórica guionizado por Montse Fajardo e dirixido por Anxo Lourido falou das asasinadas, das presas, das que sufriron castigos sexistas e, sobre todo, das que quedaron, das mulleres que se viron obrigadas a seguir adiante convivindo cos represores, cos seus abusos, cos seus espolios e coa súa historia tinguida de odio, e a pesar diso resistiron, sacaron adiante ás súas familias e teceron importantes redes de solidariedade.
Aínda que para asistir como público había un límite de 50 prazas, previa reserva, finalmente xuntáronse máis de 200 persoas que asistiron como testemuñas a un espectáculo que reviviu o terror deste tempo que, porque nunca debeu ser, non podemos esquecer.
O público premio co seu aplauso o gran traballo coral desenvolto pola Aula Municipal de Teatro, a Aula de Teatro CIM-Pontevedra, Os de Algures, Avelaíña Teatro, Mulleres Solimán e a Aula Teatral do IES Sánchez Cantón.
Relacionadas:
-
'Tiqtoqueiras', novo espectáculo da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra, preséntase este sábado en Lérez
Por Redacción |
-
O 2019 garda a lembranza de Antonio Fraguas, abre o futuro do Museo e deixa a pegada de James Rhodes e Rozalén
Por Diego Torrado & Mónica Patxot & Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Pontevedra homenaxeará os pontevedreses que loitaron contra o nazismo
Por Almu Dapena |