Remataron os días de praia, volve o frío e a choiva
Por Redacción
Esta xornada de luns estará caracterizada en Galicia por unha situación moi indefinida en superficie, pero con aire frío nas capas medias e altas da atmosfera.
Din os técnicos de MeteoGalicia que con esta situación, agárdanse ceos abertos pola mañá e pola tarde irán medrando nubes de evolución, que deixarán chuvascos illados, máis probables na metade sur. As temperaturas mínimas continuarán sen cambios, mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán do nordés, moderados no litoral e máis frouxos no interior.
Durante o martes o anticiclón irase retirando progresivamente cara ao Atlántico, achegándose baixas presións dende as Illas Británicas. Deste xeito os ceos estarán parcialmente anubrados no norte, con chuvias febles e dispersas durante o día, mentres que permanecerán máis abertos no sur. As temperaturas sufrirán un descenso, algo máis marcado nos valores diúrnos. Os ventos soprarán de compoñente norte, moderados no litoral e máis frouxos no interior.
A xornada do mércores quedará marcada pola chegada de aire frío dende o Atlántico da man dunha borrasca que se localizará no Mar do Norte. Deste xeito teremos os ceos anubrados, con máis nubes canto máis ao norte; estas nubes deixarán algunhas precipitacións intermitentes, menos probables no sur e que serán de neve por riba dos 1000 metros. As temperaturas descenderán e a baixada será máis marcado nos valores diúrnos. Os ventos soprarán moderados de compoñente norte.