Un roteiro saudable de 11 kilómetros, primeira actividade dende que o Gafos foi declarado ENIL
Por Olaya Madrigal
O domingo 14 de abril terá lugar un roteiro saudable pola zona do Gafos, recentemente declarada ENIL (Espazo Natural de Interese Local). A andaina é unha iniciativa da clínica dental Galdent co respaldo do Concello, que apoia o dinamismo da clínica e convida a outras empresas a aventurarse na creación de novos proxectos.
Anxos Riveiro, concelleira de Deportes, presentou o proxecto este mércores pola mañá, acompañada de Juan Romero e Francisco Pardo, organizadores do roteiro.
Abarcará un total de 11 kilómetros cun percorrido circular e un índice de dificultade baixo. O grupo efectuará a saída ás 10:30 horas do domingo dende o albergue de peregrinos Virgen Peregrina, a onde volverá ao finalizar o traxecto. Segundo as palabras do seu promotor, Francisco Pardo, a ruta nace do seu amor pola natureza e engade que "a clínica aposta pola prevención e pola saúde, de aí levalas non só a clientes, senón tamén aos demais". Xorde dun desexo de convidar especialmente ás persoas maiores a saír da casa o domingo para andar e facer deporte "en lugar de quedar mirando o Sálvame, que iso xa está pasado de moda", segundo as palabras de Juan Romero.
Como aliciente, nalgúns momentos durante o transcurso da actividade, un fisioterapeauta e unha nutricionista darán "pequenas cápsulas de consellos" relativos á saúde aos camiñantes.
Para participar na andaina é preciso anotarse mediante un correo electrónico (inscripcionesnaturgaliz@gmail.com), chamando ao 625482636 ou na tenda de senderismo Naturcamiñ@. Ata o de agora, rexistráronse máis de 100 persoas, sendo 200 a cifra máxima para que o avance non se vexa dificultado.
Segundo os seus organizadores, o obxectivo que persegue a actividade é seguir avanzando no camiño que a cidade recorre en busca dunha mellora da calidade de vida constante, a diferenza é que esta vez depende enteiramente da organización dun actor externo ao goberno, unha empresa privada. Anxos Riveiro amosouse satisfeita coa idea e non perdeu a ocasión de facer unha proposta pública que convide ás empresas a desenrolar novos proxectos sociais. "Non só o Concello, tamén a xente se ten que implicar na mellora", engadiu Juan Romero, organizador da actividade.