O lavadoiro de Banda do Río 'presume' de renovación
Por Redacción
O Concello de Bueu acaba de finalizar as obras de rehabilitación do lavadoiro da Banda do Río.
Os traballos de renovación foron acometidos pola empresa Construcións Medraño cun orzamento de preto de 25.000 euros e con cargo ás subvencións de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural 2018 da Deputación de Pontevedra.
"Con esta actuación recuperamos un espazo con moita tradición no barrio e lembramos a súa parte histórica e social", sinalou nunha visita o alcalde de Bueu, Félix Juncal.
As obras incluíron materiais naturais como pedra e madeira, dentro dun proceso de rexeneración no que se empregaron solucións construtivas e de deseño tradicional, tendo sempre en conta o carácter patrimonial.
Ademais, sinala o Concello, instaláronse uns paneis con fotos históricas do lavadoiro para perpetuar a función social que desempeñou na historia local, e unhas luminarias LED que permiten a mellor visualización do espazo mantendo o aforro enerxético.