Ponte Caldelas volve reclamar á Xunta a cesión da estrada de Vilarchán
Por Redacción
Catorce meses despois de telo solicitado sen recibir resposta, o goberno local de Ponte Caldelas volveuse dirixir á Consellería de Infraestruturas para pedir que se transfira ao Concello a estrada PO-180, un sobrante da estrada autonómica PO-532 ao seu paso por Vilarchán.
O "abandono total" desta infraestrutura, que forma parte do trazado vello da estrada entre Pontevedra e Ponte Caldelas, está a provocar moitas queixas da veciñanza. Máis aínda cando se trata dunha vía que conecta un elevado número de vivendas e que constitúe unha auténtica rúa que cruza Vilarchán.
O Concello mesmo tivo que proceder a reparar as fochancas que se van abrindo no deteriorado firme, pero a intención é acometer un proxecto que permita deixalo en perfectas condicións, algo que agora mesmo é imposible ao tratarse dunha vía que pertence á rede autonómica de estradas.
O alcalde, Andrés Díaz, lamenta que a consellería non dera ningunha resposta en 14 meses, cando tan só se solicitou a transferencia ao Concello, sen sequera reclamar o arranxo integral antes da transferencia, "como sería o normal". Lémbralle aos responsables da consellería que o mal estado contribúe a acentuar, ademais, os problemas de seguridade viaria dunha estrada que resulta estreita e precisa unha reforma para darlle un carácter máis urbano.
Díaz non entende esta actitude de "falta de colaboración" da consellería cun Concello que "sempre está disposto a colaborar" e, neste caso, "mesmo a asumir un tramo de estrada que se atopa nun estado de conservación pésimo".