Ingresa en prisión un veciño de Poio como presunto autor do roubo a un taxista empregando un coitelo de gran tamaño
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Axentes da Garda Civil detiveron nas últimas horas a un veciño do municipio de Poio, de 46 anos de idade, como presunto autor dun roubo con intimidación perpetrado a finais de 2018 a un taxista de Pontevedra. Segundo as investigacións, o home intimidara cun coitelo de grandes dimensións ao taxista para levar o importe da recadación do taxi.
A Garda Civil, segundo informan desde a Comandancia, actuou de oficio porque a vítima non presentara denuncia cando se rexistraron os feitos no mes de decembro de 2018.
Os axentes iniciaron a investigación cando detectaron a través das redes sociais a alerta sobre un posible intento de atraco a un taxista en Poio. O procedemento iniciouse cando comprobaron que un taxista negouse a realizar un servizo despois de recibir unha chamada para efectuar un servizo desde Campelo a unha céntrica rúa de Pontevedra.
Unha vez analizadas as circunstancias, a Garda Civil comprobou que ese mesmo cliente que solicitaba este servizo atracara a outro taxista de Pontevedra. Nesa viaxe, o detido pedira presuntamente ao condutor que se desviase ata o Vao de Arriba. Ao chegar a este punto intimidouno cun coitelo no pescozo ata que logrou que lle entregase a recadación, ameazándoo para que non presentase denuncia.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, o modus operandi deste veciño de Poio é sempre o mesmo. Actúa normalmente de día e adoita chamar a un taxista de Pontevedra, para evitar que lle recoñezan os de Poio onde reside. Pídelle que o leven á cidade e despois tenta desviar a ruta cara ao poboado chabolista de O Vao. Unha vez alí, emprega unha arma branca para intimidar ao taxista e levar o diñeiro.
Este martes pasou a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Pontevedra como presunto autor dun roubo con violencia e intimidación e o xuíz acordou o seu ingreso en prisión.