Mariano Rajoy regresa a Pontevedra para arroupar a Ana Pastor na campaña das xerais
Por Redacción
O ex presidente do Goberno, Mariano Rajoy, desembarca na campaña do Partido Popular ás eleccións xerais do 28 de abril. Farao en Pontevedra, onde arroupará á candidata popular, Ana Pastor. Será nun mitin que se celebrará este venres 12 de abril, ás 20.30 horas, no auditorio do centro social de Afundación.
O PP organiza este mitin, en parte, como unha homenaxe a Rajoy. Así o traslada o presidente provincial, Alfonso Rueda, que definiu ao seu compañeiro de partido como un home dunha "extraordinaria faceta humana", destacando as políticas que levou a cabo para sacar ao país da "peor crise da súa historia " e para facer fronte ao desafío secesionista en Cataluña.
O presidente provincial agradeceu a Rajoy que elixira Pontevedra para o seu primeiro acto de campaña, "unha cidade á que representa mellor que ninguén", xa que engadiu que "dicir Mariano Rajoy é dicir Pontevedra e estamos moi orgullosos".
Ademais de militantes, simpatizantes e amigos do presidente Rajoy, na cita tamén participarán o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a número un na lista ao Congreso dos populares da provincia, Ana Pastor, e o candidato á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez.
Coa súa presencia en Pontevedra, que terá continuidade ó día seguinte cun xantar mitin no Baixo Miño, Mariano Rajoy evidencia, segundo o PP, a "gran importancia" que ten a provincia para o Partido Popular, que confía en obter un "magnífico" resultado tanto nos comicios do 28 de abril como posteriormente nas municipais do 26 de maio.
Rueda subliñou que a lista dos populares ao Congreso e ao Senado é un "valor seguro" que reúne "experiencia e xuventude" e destacou que os seus candidatos son a "mellor garantía" para a defensa dos intereses da provincia en Madrid.
Rajoy, que ata agora mantívose á marxe da precampaña de Pablo Casado, decidiu acompañar a Pastor, unha das súas máis estreitas colaboradoras, no que será un dos principais actos de campaña da actual presidenta do Congreso.
Relacionadas:
-
Rajoy reaparece na política activa: "Mi primer mitin, no había alternativa, tenía que ser en Pontevedra"
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Rafa Domínguez presume de candidatura, acompañado por Ana Pastor e Alfonso Rueda
Por Redacción |
-
Ana Pastor ve "prioritario" o paseo a Marín e a reforma do nó de Bombeiros
Por Alejandro Espiño |
-
Ana Pastor, Diego Gago e Elena Suárez, apostas do PP para o 28A; Pilar Rojo, ao Senado
Por Alejandro Espiño |