O sector forestal advirte que o peche de ENCE abocaría a Galicia a ser a "leñera de Europa"
Por Alejandro Espiño
A decisión do Goberno de non defender ante a xustiza a prórroga concedida a Ence foi, segundo os representantes do sector forestal galego, unha noticia "absolutamente demoledora". Así o sinalaron nunha rolda de prensa celebrada en Pontevedra, na que alertaron das consecuencias que tería para Galicia un hipotético peche da fábrica pasteira.
O presidente do Clúster da Madeira, José Manuel Iglesias, sinalou que o futuro de Ence pon en risco a todo un sector que, segundo os seus datos, inclúe unhas 3.000 pequenas e medianas empresas que xeran uns 20.000 empregos directos e outros 50.000 indirectos. "En cualquier otro país nos recibirían con los brazos abiertos", dixo.
Iglesias lamentou que o Goberno transmita aos investidores que as "reglas del juego" para poder traballar neste país sexan "absolutamente hostiles" para a industria e suman ás empresas nunha "gran inseguridad jurídica".
Tras destacar a importancia de Ence e FINSA como empresas "tractoras" do sector forestal galego, o representante do clúster subliñou que "necesitamos" á compañía pasteira para "estructurar la cadena de valor de la madera", polo que se desaparece de Pontevedra estarían abocados a "vender leña" e converterse na "leñera de Europa".
Isto tamén afectaría, suxeriu, á actividade "dinámica y necesaria" nos montes galegos, o que aumentaría o risco de incendios forestais e propiciaría que estes foron mesmo "más virulentos".
Pola súa banda, o presidente da Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeiras (Feamarga), Elías Ojeda, sinalou que a presenza de Ence en Galicia permitiu que, nos peores anos da crise, o sector forestal galego puidese "contener" a "sangría" dos peches "masivos" de empresas.
A situación que atravesa Ence, segundo Ojeda, xa está a afectar ás compañías do sector, ao frearse investimentos e proxectos previstos para a fábrica de Pontevedra. Ademais, advirte do efecto que tería nas investigacións de I+D+i e cargou contra os partidos políticos que apostan por pechar a fábrica "con tanta agilidad".
Daniel Díaz, presidente da Asociación de Empresarios de Primeira Transformación de Lugo, engadiu que un posible peche da factoría pontevedresa afectaría "severamente" a toda Galicia, o que está a xerar unha "gran angustia" a miles de familias que viven dos 85 millóns de euros que, anualmente, gasta Ence en provedores.
A este respecto, Patricia Sánchez, en nome da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), sinalou que esta situación "no es buena para nadie", xa que resulta "imposible" que esta "incertidumbre" non acabe afectando o prezo da madeira en Galicia.
O sector forestal, segundo avanzaron os seus dirixentes, estudará mobilizacións en toda Galicia para defender a continuidade de Ence e que, mesmo, barallan levalas a Madrid para mostrar o seu rexeitamento á decisión do Goberno de non defender a prórroga da pasteira ante a Audiencia Nacional.
Relacionadas:
-
ENCE recoñece estar nunha posición "menos sólida" ao non ter a defensa do Estado
Por Redacción |
-
"Demoledora" sentenza contra ENCE: as obras que faga en Lourizán necesitan licenza municipal
Por Alejandro Espiño |
-
A protesta de transportistas de Ence provoca retencións na circunvalación da autoestrada
Por Diego Espiño |
-
Tenso debate no Parlamento de Galicia, que rexeita o "cambio de criterio" da Avogacía do Estado na prórroga a Ence
Por Redacción |
-
Lores asegura que "algún día" se saberá quen é o responsable do "pelotazo" de ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
Os empresarios aseguran que "defendiendo a ENCE defendemos la marca España"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |