A Xunta atribúe a "un tema de normativa" o cambio de director no Toxo e cre que a polémica se está apagando
Por Natalia Puga
As familias dos alumnos da escola infantil O Toxo levan semanas manifestando a súa preocupación e malestar pola decisión da Consellería de Traballo e Benestar Social de sacar a concurso a praza de directora na que leva seis anos Luisa Pereira. Enviaron un escrito e firmas á Administración e manifestáronse ás portas do centro sen obter resposta. Este martes recibírona. O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicou que a decisión do cambio de Dirección se debe a "un tema de normativa".
Cores Tourís recoñeceu, en declaracións aos medios de comunicación, que "a actual dirección funcionaba moi ben", pero aclarou que tiveron que sacar a concurso a praza porque "hai que aplicar" a normativa e esta establece que "hai que cambiar" de director cada seis meses cando no centro educativo en cuestión non hai ningún persoal docente que cumpra cos requisitos para ser nomeado para o posto durante un tempo prolongado.
Así, indicou que "como non hai un director que teña esa titulación, cada seis meses estamos obrigados por normativa a cambiar". Tras cumprir seis meses con Luisa Pereira, sacaron a praza a concurso e, a diferenza do que sucedeu en anteriores ocasións (ela fora renovando seis anos), esta vez unha persoa optou ao posto, tiña máis puntuación e xa foi nomeada. Trátase do ex concelleiro socialista de Pontevedra José Antonio García Lores.
Cores Tourís quere dar a polémica por pechada con este novo nomeamento e asegura que está en proceso de que así sexa, pois "os pais pedían que siga ou mesmo plan, que siga na mesma liña, e entendemos que si que vai ser así porque é un profesional como era a anterior, como serán todos".
O delegado territorial considera garantido que García Lores terá unha liña de traballo no Toxo "parecida" á actual directora e confía en que "teña unha boa relación cos pais porque é fundamental". De feito, asegura que "os pais agora xa cambiaron un pouco, dixeron que siga co sistema anterior" e recorda que "o equipo directivo é o primeiro interesado en que isto funcione".
Relacionadas:
-
A Xunta estudará as rotacións na dirección da gardaría O Toxo
Por Oskar Viéitez |
-
Os pais da Escola Infantil ''O Toxo' protestan ante o novo cambio de dirección no centro
Por Anxo Lourido |
-
Os pais manifestan a súa oposición ao cambio de dirección na Escola infantil O Toxo
Por Anxo Lourido |
-
Os pais dos nenos de O Toxo rebélanse ante o cambio na dirección da escola infantil
Por Anxo Lourido |