A Xunta estudará as rotacións na dirección da gardaría O Toxo
Por Oskar Viéitez
Un grupo de pais de alumnos da escola infantil O Toxo de Pontevedra concentráronse de novo este martes pola mañá na entrada do centro para expresar o seu rexeitamento ao cambio de director e as repercusións que terá no funcionamento do centro. Durante a protesta comentouse o contido da reunión mantida o luns en Vigo, entre unha representación dos pais e a xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar.
O problema radica en que a praza de dirección non saíu a concurso público e polo tanto está suxeita a interinidade polo que debe ofertarse cada seis meses en aplicación do convenio do persoal da administración vixente.
Segundo informaron os pais, na reunión dixéronlles que a curto prazo será difícil modificar o convenio polas dificultades que comporta, pero dende a Administración comprometéronse a reunir a comisión paritaria e abordar as rotacións na dirección para que non sexan cada seis meses, senón por un ano prorrogable a outro, e tamén a relación de postos de traballo suavizando as condicións para que poidan entrar máis persoas nesta praza.
Ademais o xefe territorial púxose a disposición dos pais para facer un seguimento da situación do centro.
Os pais esperan que se poida prorrogar o actual director ata final de curso, José Antonio García Lores, que ocupaba este posto de xeito interino. En prinicipio, o 17 de decembro regresará á súa praza de educador no Centro de Menores "Avelino Montero" asumindo a dirección, María Tizón, educadora no Centro de Atención a Persoas con Minusvalidez de Redondela.
A comunidade educativa remitiu un escrito a diversos departamentos da Xunta e teñen previsto envialo tamén ao Valedor do Pobo ao considerar ilóxico que cada seis meses se releve ao director.
Relacionadas:
-
Os pais da Escola Infantil ''O Toxo' protestan ante o novo cambio de dirección no centro
Por Anxo Lourido |
-
Un forte olor a gasóleo obriga a suspender a actividade na gardaría O Toxo
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A Xunta atribúe a "un tema de normativa" o cambio de director no Toxo e cre que a polémica se está apagando
Por Natalia Puga |