A Festa do Requeixo da Corredoira volve co estilo máis tradicional a Cotobade
Por Redacción
Este venres 14 de xuño comeza a Festa do Requeixo na parroquia de San Gregorio de Corredoira en Cotobade. Trátase dunha cita gastronómica que está en funcionamento dende o ano 1980 cando se puxo en funcionamento ao coincidir coas festas de San Antón e Santa Bárbara. Hai 34 anos, un grupo de amigos da parroquia organizou unha comisión para homenaxear este produto artesanal e agora son os propios veciños os que doan este produto para a celebración da festa.
O día grande do requeixo é o venres deste fin de semana festivo na parroquia e que se pode degustar no mesmo Campo da Festa que contará cunha gran carpa.
A complexidade que leva a elaboración do produto obriga a que se ofreza un número limitado de requeixones. A organización recomenda os visitantes que acoden a primeiras horas do atardecer para saborealo.
Para realizar o requeixón dun quilogramo bótanlle o callo a sete ou oito litros de leite, e logo de estar entre 24 e 36 horas callando, póñeno na forma, un recipiente cilíndrico de 12 cm de diámetro e 35 cm de altura e con buratos, por onde vai soltando o soro. Así permanece dous días, e cando está o suficientemente sólido retírase para comelo en fresco con azucre ou con mel. Tamén hai veciños que o regan con viño ou con coñac.
A festa contará o venres cunha gran verbena a cargo das orquestras Passarela e Canela e o sábado 15 de xuño desenvolveranse os actos relixiosos seguidos dun concerto da banda de gaitas e pola noite o protagonismo será para unha gran verbena coas orquestras Juan Mallo e Amazonas.