Condenan un menor a pagar 7.300 euros por queimar contedores en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Por espazo de mes e medio, entre xaneiro e febreiro de 2018, unha onda de incendios en contedores arrasou o barrio de Campolongo. O seu autor, segundo recoñeceu ante os tribunais de xustiza, foi un menor do centro tutelado Avelino Montero. Agora terá que pagar polos danos causados un total de 7.288 euros.
No caso de que non teña diñeiro para iso será a Xunta de Galicia, como responsable do centro no que estaba interno, o que deba pagar ao Concello o custo dos contedores aos que prendeu lume.
Así o determina unha sentenza do xulgado de menores número 1 de Pontevedra, que ademais condena o mozo a 80 horas de traballos en beneficio da comunidade.
Durante o seu periplo pirómano, o menor foi queimando contedores nas rúas Iglesias Vilarelle, Xeneral Rubín, Tablada, Rosalía de Castro e Monte do Taco.
INDEMNIZACIÓN POR ACCIDENTE
Unha segunda sentenza, tamén divulgada este luns polo Concello de Pontevedra, condena unha pontevedresa a oito meses sen permiso de conducir e unha multa de 750 euros por dar positivo por alcoholemia tras protagonizar un accidente de tráfico na rúa José Malvar.
Foi o 8 de abril de 2018 ás 10.51 horas da mañá, segundo recolle o fallo xudicial do xulgado de instrucción número 3 de Pontevedra.
A condutora perdeu o control do seu coche e chocou contra outro turismo e cun sinal de circulación. A aseguradora fíxose cargo dos danos no mobiliario urbano, que ascenderon a 470 euros.