Condenado a 17 anos de prisión por asasinar o seu veciño cunha rozadoira na Cañiza
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
José Luis Viéitez Alonso deberá cumprir 17 anos de prisión como autor dun delito de asasinato e doutro de intento de homicidio polo coñecido como crime da rozadora da Cañiza por acabar coa vida do seu veciño utilizando esa ferramenta e tentalo coa filla da vítima.
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de ditar unha sentenza condenatoria en base ao veredicto alcanzado polo tribunal do xurado que xulgou os feitos e declarou ao acusado culpable de dar morte ao seu veciño, José Carlos Álvarez, sen darlle ningunha posibilidade de defenderse e de tentar darlle morte á filla deste, Jessica Álvarez, dándolle a ela esa oportunidade. A moza sofre graves secuelas.
Á hora de ditar a pena, a Audiencia aplicou unha eximente incompleta por considerar acreditado que o sospeitoso sufría unha "limitación parcial das capacidades psíquicas" cando cometeu os feitos. O veredicto foi unánime ao considerar que, no momento do ataque aos seus veciños, o acusado tiña "parcialmente diminuídas" as súas capacidades mentais.
O xurado destaca que o condenado ten "un coeficiente intelectual límite" e que estivera a tratamento psicolóxico e psiquiátrico por trastorno ansioso depresivo. Ademais, sinala que sofre, como consecuencia "da sostida situación de hostilidade e conflito co seu veciño", así como da agresión que sufriu por parte de leste no 2015, un trastorno postraumático que non estaba diagnosticado, "pero que lle facía sentir medo do seu veciño".
Por iso, segundo a sentenza, "percibiu a súa presenza e a da súa filla como unha ameaza" e "reviviu o trauma cun estalido de medo e agresividade" que o levou a reaccionar contra eles tendo as súas capacidades mentais parcialmente diminuídas, "de forma severa a capacidade para controlar os seus impulsos e de forma moderada a capacidade para percibir a realidade e actuar en consecuencia".
O fallo indica que o acusado e o seu veciño mantiñan "moi malas relacións por conflitos de lindes e o uso dun camiño que derivaron en denuncias mutuas". O día dos feitos, o condenado atopábase cunha rozadora acesa no camiño polo que mantiñan disputas e que pasa por diante da casa das vítimas. Os seus dous veciños, pai e filla, saíron do seu portal para ir á súa cuadra e dirixíronse cara a el. Nese momento, atacou ao seu veciño coa rozadora e, despois, á moza.
O imputado tamén foi sentenciado a indemnizar á filla do falecido con 300.000 euros; e, á muller, con 150.000 euros, do mesmo xeito que ao seu fillo.