Enfado veciñal no lugar de Parada de Arriba en Campañó porque unha vez á semana sofren cortes de luz
Por Redacción
Veciños da zona de Parada de Arriba, na parroquia pontevedresa de Campañó, denuncian "continuos e inxustificados" cortes na subministración eléctrica. Esta situación prodúcese en xornadas tamén festivas como a deste Venres Santo.
Os cortes de luz afectan a máis dunha decena de propiedades desta zona sen que atopen explicación a este problema. Segundo relatan os afectados, as desconexións repítense, polo menos, unha vez á semana desde hai xa varios meses. Os cortes máis longos chegan a durar ata tres horas provocando, ademais de múltiples incomodidades aos residentes, danos no funcionamento de electrodomésticos e outros materiais.
Afirman que xa trasladaron en varias ocasións as súas queixas á empresa encargada da subministración, Naturgy, antiga Fenosa. Con todo, non lles ofrecen explicación desde a distribuidora do servizo. Ante esta situación, algúns dos afectados ameazan con presentar reclamacións pola vía xudicial se o problema non remite de inmediato.